Trátase de seis entidades de México e dúas de Chile, todas elas líderes nos seus respectivos ámbitos, que abarcan dende as telecomunicacións ata os sectores da moda ou retail e a industria alimentaria
México é o principal mercado en América Latina das empresas galegas, con preto de 18 millóns en exportacións e 32 en importacións
A misión comercial inversa, na que colabora a Xunta de Galicia a través do Igape, inclúe xuntanzas bilaterais e actividades de networking
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019.- Oito entidades de México e Chile, punteiras no sector da fabricación e distribución de moda, industria retail, alimentaria e telecomunicacións, participan dende hoxe ata o venres, 22 de novembro, nunha misión comercial inversa organizada polo Clúster TIC na que manterán xuntanzas bilaterais e encontros de networking con empresas galegas.
A misión comercial inversa forma parte das actividades que o Clúster TIC leva a cabo en materia de internacionalización e co obxectivo de estreitar lazos comerciais con entidades estranxeiras líderes nos seus respectivos países. Do mesmo xeito que a realizada no mes de maio, a acción trata de estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización dos produtos e servizos das entidades socias, reforzando deste xeito as iniciativas emprendidas ao longo dos últimos anos.
Concretamente, na misión comercial participarán seis entidades mexicanas, líderes nos seus respectivos ámbitos. Son o Grupo Piagui, dedicado á fabricación e distribución das marcas de moda referentes no mundo e referente na industria do calzado. Do ámbito da moda tamén participa Nine West Mexico, centrado na comercialización, operación e distribución de diversas marcas de licenza exclusiva e algunhas propias de calzado e accesorios de moda.
Con 22 anos de historia, Under Armour Latam é unha marca de retail deportiva con alcance en medio mundo mentres que Muebles América (VIU) ten 48 anos de experiencia no mercado retail cunha gran gama de produtos que van dende a electrónica ata os mobles pasando por motocicletas, entre outros. Da industria alimenticia proceden o Grupo Herdez e Nutrisa, ambas adicadas aos xeados de iogur, entre outros produtos.
Completan a misión dúas entidades procedentes de Chile: Girovisual e Sercom. A primeira conta con 18 prantas de transmisión e conforma a rede máis grande de televisión rexional, operando en Valparaíso, sendo ademais o único medio asociado a CNN Chile. Sercom, pola súa banda, opera no sector das telecomunicacións con máis de 25 anos de experiencia na área de broadcasting, radio e televisión.
México é o principal mercado das empresas galegas en América Latina, con 17,85 millóns de euros en exportacións e 32,8 en importacións en 2017. En total, o ano pasado exportaron a México medio millar de empresas galegas das que o 70 por cento pertencen ao sector industrial e de tecnoloxía, o 32 por cento a bens de consumo e o resto a alimentación e bebidas. En canto as importacións, Galicia compra a México sobre todo combustibles, seguidos a moi longa distancia de produtos pesqueiros, aparatos electrónicos e mobles.
Pola súa banda, as exportacións galegas en Chile supuxeron unha inversión de 8,91 millóns de euros e as importacións foron por valor de 4,91 millóns de euros.
O programa da misión comercial inversa está enfocado a dar a coñecer as TIC galegas dende todos os puntos de vista e haberá unha axenda de xuntanzas bilaterais a petición dos interesados, ademais de actividades de networking para que as empresas poidan entrevistarse cos invitados.
A actividade conta coa colaboración do Igape a través da liña Galicia Exporta, desenvolto pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e enmárcase na aposta do Clúster TIC Galicia pola captación de prescriptores no sector internacional e pola comercialización a nivel mundial dos produtos innovadores dixitais que se están a desenvolver na comunidade.
Sobre Clúster TIC Galicia
O Clúster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que se constituíu no 2008 co obxectivo de reunir as empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) da Comunidade Autónoma de Galicia.
Plenamente comprometido coa sociedade galega, o Clúster xera sinerxías para favorecer o cambio de modelo produtivo de cara a unha economía baseada na innovación e na produtividade, capaz de crear riqueza e emprego de calidade.
Saúdos.
Gabinete de prensa.
NOTA DE PRENSA