Cunha achega de 4,82 millóns de euros da Xunta de Galicia, o Centro de Servizos Avanzados contará con 4 laboratorios e facilitará o uso compartido de tecnoloxías
Tamén impulsará en Vilagarcía de Arousa o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC, que busca mellorar a competitividade do sector
Santiago, luns 29 de xuño de 2020.- O Centro de Servizos Avanzados, o gran centro demostrador para a transformación dixital da industria galega impulsado polo Clúster TIC Galicia, será a primeira infraestrutura da futura Cidade das TIC, trala aprobación no último Consello da Xunta dunha achega de 4,82 millóns de euros.
A nova infraestrutura, que estará situada nunha parcela da antiga Fábrica de Armas, contará cunha superficie total de 4.600 metros cadrados e ofrecerá ás empresas do sector un espazo para levar a cabo demostracións, prototipos e lanzar proxectos. Acollerá catro laboratorios –Laboratorio Media, Laboratorio de Dispositivos Intelixentes, Laboratorio de Intelixencia Artificial e Laboratorio de Computación Cuántica- para a realización de probas. Disporá ademáis de espazos para aloxar empresas do sector e será un lugar de encontro entre clientes y proveedores de solucións TIC enfocado a facilitar o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos.
O Concello e a Universidade de A Coruña colaborarán no desenvolvemento do centro, cedendo o uso dunha nave e habilitando os accesos. Estará integrado nos hubs de innovación dixital promovidos polo Goberno galego, que permitirán as pemes contar cunha carteira de servizos para avanzar na fabricación intelixente, na industria 4.0 e en materia de big data.
O proxecto conta tamén coa participación do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as entidades socias do Clúster TIC Altia, Tecnologías Plexus, Imatia, Aldaba, Cinfo, Itelsis, Dos Espacios, Visual Publinet, Librebit e Xoia Software.
Galicia TurisTIC
O Clúster TIC Galicia promoverá tamén en Vilagarcía de Arousa o Centro de Servizos Avanzados TurisTIC, xunto con dúas das súas empresas socias -Dos Espacios e Visual Publinet- e as cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
Concebido como un espazo de uso aberto e compartido, busca mellorar a competitividade das empresas do sector turístico galego a través da innovación tecnolóxica, a especialización e a posta en práctica de novos procedementos e modelos de negocio que xeneren tamén postos de traballo de alta cualificación. Cunha achega de 370.000 € da Xunta de Galicia, disporá dun laboratorio de intelixencia artificial e big data, dun Media Lab e áreas de demostracións e formación. Permitirá ás empresas acceder a produtos de alta tecnoloxía, como dispositivos de sensorización medioambiental, sistemas de conteo ou realidade aumentada. Será un centro onde compartir proxectos, coñecementos, recursos e traballo conxunto entre as diferentes empresas e axentes tecnolóxicos e do turismo.
Ambas infraestruturas estarán abertas á participación dos socios do Clúster TIC Galicia e ás empresas tecnolóxicas interesadas en formar parte como socios dos proxectos.
Saúdos.
Gabinete de prensa.
Nota de prensa