Hoxe, no Auditorio do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago
As 15 novas incorporacións nos últimos 8 meses reflicten o apoio do tecido tecnolóxico galego ás propostas e accións desenvolvidas pola entidade nos últimos anos
Presentaranse para aprobación o informe económico de 2020 e os orzamentos e actividades para este ano
Santiago de Compostela, xoves 17 de xuño de 2021.- O Clúster TIC Galicia celebrará hoxe a súa Asemblea Ordinaria cun amplo apoio aos proxectos, accións e medidas desenvolvidas pola entidade para dar un novo pulo ao proxecto da Cidade das TIC, á internacionalización das empresas galegas e aumentar a oferta de perfís tecnolóxicos cunha alta cualificación, como se reflicte no maior incremento da historia rexistrado na masa social da entidade, con 15 novas incorporacións dende a última asemblea celebrada o 30 de setembro de 2020.
Durante a asemblea, que se poderá seguir de forma presencial ou en remoto, presentarase perante os socios o informe económico de xestión do 2020, así como o orzamento e a proposta de actividades deste ano para a súa aprobación. Tamén se exporán os últimos progresos e os vindeiros pasos para avanzar na Cidade das TIC, un proxecto estratéxico para o futuro da entidade e que está a acadar unha resposta moi positiva por parte do tecido empresarial TIC galego. As entidades que o conforman atopan neste parque tecnolóxico unha infraestrutura necesaria e imprescindible para amosar o seu potencial ao exterior e situar a Galicia como un referente en innovación dixital. Así quedou patente na alta demanda de espazos rexistrada na primeira convocatoria para ocupar o Centro de Servizos Avanzados, para o que se conseguiu un financiamento de 4,8 millóns de euros. Será o primeiro edificio do proxecto que se porá en marcha e superou todas as expectativas ao recibir solicitudes de empresas para cubrir ata tres edificios, un ano antes da súa inauguración.
Neste último ano, o Clúster TIC Galicia concentrou os seus esforzos en levar a cabo accións centradas en fortalecer o sector e impulsar a transformación dixital das empresas galegas a través da participación activa nos hubs de innovación dixital Dihgigal e DATAlife. Tamén, fixo especial fincapé na capacitación de perfís tecnolóxicos a través de iniciativas propias, colaboracións público-privadas e coa participación no Campus Dual para resolver a preocupante diferencia entre a oferta e a demanda de profesionais do sector, que cada ano e conforme avanza a dixitalización, se fai máis perentoria.
Actualmente, o Clúster TIC Galicia está conformado por cento quince socios, entre grandes empresas (14), pemes (80), emprendedores (19), centros tecnolóxicos (2) e colexios e asociacións profesionais (1), que supoñen unha facturación conxunta de máis de 780 millóns de euros e un total de 11.785 traballadores.
Saúdos.
Gabinete de prensa.
NOTA DE PRENSA