A medida servirá para velar pola seguridade da saúde dun total de 1.855 profesionais do sector tecnolóxico, un dos máis activos e esenciais durante a pandemia
Santiago, venres 24 de abril de 2020.- O Clúster TIC de Galicia forneceu durante os últimos días 10.000 unidades de máscaras cirúrxicas de protección contra o Covid-19 entre as empresas socias, dentro das accións postas en marcha pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e do Servizo Galego de Saúde (Sergas), para facilitar o material sanitario necesario na loita contra o virus.
Un total de 35 empresas socias –21 na Coruña, 12 en Pontevedra, 1 en Lugo e outra en Ourense-, das 104 que forman parte do organismo solicitaron a entrega deste material para garantir a seguridade e defensa da saúde dun global de 1.855 traballadores.
Con esta medida búscase dotar do equipamento fundamental ás empresas do sector tecnolóxico, que se converteu nun dos máis activos e esenciais durante a pandemia, tanto á hora de ofrecer soporte ás infraestruturas e servizos de comunicación, fundamentais para garantir condicións estables e seguras de teletraballo na administración pública e o sector privado, como para achegar solucións innovadoras que contribúan a saír da actual crise sanitaria.
A previsión é que esta subministración poidan ter unha continuidade nas próximas semanas para manter no tempo a protección dos profesionais que permaneceron ou se reincorporaron aos seus postos de traballo.
Sobre Clúster TIC Galicia
O Clúster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que se constituíu no 2008 co obxectivo de reunir as empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) da Comunidade Autónoma de Galicia.
Plenamente comprometido coa sociedade galega, o Clúster xera sinerxías para favorecer o cambio de modelo produtivo de cara a unha economía baseada na innovación e na produtividade, capaz de crear riqueza e emprego de calidade.
Nota de prensa