A cómica presentará o seu novo show televisivo sobre as táboas do Teatro Colón da Coruña ás 21:00 horas, acompañada por Leo Harlem, con moitas outras sorpresas e cunha convidada especial, Samantha Hudson, que será a condutora do evento
O mesmo venres 5, ás 19:30 horas, o público poderá gozar tamén da primeira función en España de ‘Garabato controlado’, a última creación do arxentino Juan Barraza
CONVOCATORIA DE PRENSA
Photocall con Eva Soriano, Leo Harlem e Samantha Hudson
Hall do Teatro Colón da Coruña
Venres 5 de maio, 20:15 horas
A Coruña, 4 de maio de 2023.- Eva Soriano chega este venres, 5 de maio, ao Encontro Mundial de Humorismo para presentar o seu novo show Showriano, da plataforma Movistar Plus+. A cita, que promete moitas sorpresas e contará co cómico Leo Harlem como convidado e coa artista Samantha Hudson como condutora especial, terá lugar no Teatro Colón da Coruña, ás 21:00 horas. Os convites para o evento, que forma parte da programación paralela do EMHU, están esgotados.
Deste xeito, Movistar Plus+ presenta no Encontro Mundial de Humorismo unha das súas novas apostas televisivas desta primavera. Antes do comezo do show, os medios poderán asistir a un photocall con Eva Soriano, Leo Harlem e Samantha Hudson, que terá lugar no hall do Teatro Colón, ás 20:30 horas.
Outras propostas do EMHU 2023 para a fin de semana
Tamén este venres 5 de maio, ás 19:30 horas, chegaralle a súa quenda ao arxentino Juan Barraza, quen presentará no EMHU a estrea en España do show Garabato controlado, unha peza sobre os límites da comedia na que o artista demostrará a súa poderosa enerxía sobre o escenario.
Barraza é un dos humoristas máis importantes do panorama internacional do Stand-Up dende hai quince anos. Gravou especiais para a canle Comedy Central en seis ocasións e ten cinco álbumes de comedia subidos a Spotify e demais plataformas dixitais. O EMHU 2023 acollerá, no Auditorio Sede AFundación da Coruña, a presentación no noso país do seu sexto espectáculo, co que continúa a colleitar éxitos ao outro lado do Atlántico. En www.emhu.es aínda é posible adquirir entradas para ver o show, que despois xirará por outras cidades da península.
Finalmente, a presentación -o sábado 6- do espectáculo La ruina, con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, e as galas Animus Iocandi e Fantastic Colofon -nas que participarán Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Soriano, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Pantomima Full e Sílvia Abril-, daranse tamén cita no programa desta última fin de semana do EMHU 2023, que se pode consultar con todo detalle na páxina web oficial do festival www.emhu.es.
AXENDA PROGRAMACIÓN RECTA FINAL DO EMHU 2023
Venres 5 de maio
19:30 horas | Afundación: Juan Barraza: Garabato controlado (estrea en España)
21:00 horas | Teatro Colón: Showriano
Sábado 6 de maio
12:30 horas | Teatro Colón: La Ruina
19:00 horas | Palexco: Animus Iocandi (estrea absoluta)
22:00 horas | Palexco: Animus Iocandi
Domingo 7 de maio
20:00 horas | Teatro Colón: Fantastic Colofon
EMHU 2023
O EMHU, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e Producciones El Espectador (Madrid), e que conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia, é unha das citas de referencia da comedia a nivel estatal tanto pola súa programación -pola que pasaron artistas como Andreu Buenafuente, Inés Hernand e Nerea Pérez de las Heras ou David Broncano, entre outras- como pola afluencia de público: no 2022, no que o Coliseum foi unha das principais sedes, o Encontro Mundial do Humorismo sumou máis de 19.000 espectadores.
De cara á presente edición de 2023, o EMHU inclúe, como é habitual, a presenza de figuras icónicas en galas de produción propia, creadas exclusivamente para o evento. É o caso de Humoris Causa, que este ano xuntou a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera o 29 de abril; da nova gala Animus Iocandi, coa que o EMHU regresará ao Palexco para que o público escache coa risa da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril; ou de Fantastic Colofon, a gala de peche do evento, que terá lugar o 7 de maio e que contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e co director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón. Nesta cita, ademais, entregaranse os Premios EMHU 2023: Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta son os artistas recoñecidos nesta edición.
O Encontro Mundial de Humorismo contará na súa programación troncal con algúns dos espectáculos en xira máis demandados polo público neste momento. É o caso de Buenismo Show, cuxa estrea en Galicia tivo lugar o 28 de abril no marco do EMHU; ao igual que La capital del pecado 2.0 de Juan Dávila, presentado o luns 1 de maio; ou Estirando el chicle desde un castillo, un programa especial do podcast de Carolina Iglesias e Victoria Martín que se gravou, ao vivo, na tarde do 30 de abril desde o Castelo de Santo Antón. Ademais, entre as propostas que se poden ver estes días na Coruña, están La comedia salvó mi vida, con Ignatius Farray (30 de abril); La Ruina, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes (6 de maio); e Garabato controlado (5 de maio), cita que suporá a estrea en España do novo espectáculo do arxentino Juan Barraza.
A comedia galega terá unha importante presenza neste encontro de ámbito estatal. Alén das estreas absolutas de As R(h)umorosas e Ansia Viva, ou da participación de Carolina Iglesias, Luis Piedrahita e Rober Bodegas (Pantomima Full) na gala Fantastic Colofon, tamén conta con selo do país o filme Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica que dirixe Javier Veiga sobre a obra teatral e que chegará aos cinemas o 15 de setembro. Ademais da programación de espectáculos, o EMHU conta cunha serie de actividades paralelas abertas ao público ou con acceso mediante convite, como é o caso do concerto La banda sonora de nuestra risa (4 de maio) ou a presentación de Showriano, o programa da plataforma Movistar+ (5 de maio). De entrada libre é a exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, que se poderá visitar até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso, ou propostas xa celebradas, como foron a charla Picasso e a caricatura (venres 28) e a función da Escuela de Impro A Coruña (sábado 29).
Para máis información podes visitar a páxina web www.emhu.es ou acceder á sala de prensa desta edición, na que encontrarás fotografías en alta e clips de vídeo de cada xornada.
Convocatoria de prensa