Comeza mañá martes, cunha xornada que terá lugar no hotel NH Collection, en Santiago de Compostela, ás 9:30 h.
Porá en contacto a empresas emerxentes do sector TIC galego con compañías tecnolóxicas internacionais para posicionarse no mercado global
Inauguran o acto Augusto Álvarez, director da Área de Internacionalización do IGAPE, e Antonio Rodríguez, presidente do Clúster TIC
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2018.- Co obxectivo de fomentar a exportación do sector tecnolóxico galego, o Cluster TIC Galicia organizará, do 22 ao 24 de maio, unha misión comercial inversa na que participarán sete empresas punteiras nos eidos das telecomunicacións, os medios audiovisuais, a consultoría e o desenvolvemento de software, procedentes de Latinoamérica, Canadá, Alemaña e Inglaterra.
A xornada de inauguración terá lugar mañá martes, a partir das 9:30 h., no hotel NH Collection de Santiago de Compostela, coa apertura a cargo do director da Área de Internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez, e do presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez.
Durante o evento, levaranse a cabo xuntanzas bilaterais e actividades de networking entre os socios do Clúster TIC Galicia e as compañías internacionais invitadas para estreitar lazos comerciais, encontrar posibles provedores e detectar oportunidades de negocio.
Entre as sete importadoras potenciais invitadas encóntranse entidades cunha dilatada experiencia na transformación dixital de negocios, como The Server Labs (Inglaterra); Ceeq IT (Canadá), especializada na utilización do Machine Learning ou aprendizaxe automático no sector bancario e nas compañías aseguradoras; e GBTEC Software (Alemaña), que conta cunha innovadora ferramenta de BPM –Business Process Management –, denominada BIC Platform, que xa implementaron como sistema de xestión automática de procesos en administracións públicas e empresas de todo o mundo.
O audiovisual será tamén protagonista coa asistencia do director técnico de TCS –Telecorporación Salvadoreña–, a empresa de medios de comunicación máis grande de O Salvador e unha das máis innovadoras na rexión centroamericana; Azteca Comunicaciones, que conta coa rede de fibra óptica máis grande de Colombia e con servizos de televisión, internet e telefonía para máis de 900 localidades e 2.000 institucións públicas; e GoLive Entertainmen Holding (Arxentina), cunha plataforma de OTT (Over-The-Top), que ofrece un sistema de streaming en alta definición, apps multipantalla e un repositorio de contidos con más de 8.000 títulos.
Outra das participantes na misión inversa será Adminex (Brasil), que ofrece solucións en administración (asesoría legal, contabilidade, RRHH…) a pemes que queren establecer actividades no estranxeiro.
A xornada ofrecerá unha ponencia para coñecer as estratexias de negocio que se poden levar a cabo en EEUU e Europa, impartida polo consultor de Negocio Internacional en Energies4Success, Eric Messin, e a directora de Negocio Internacional da empresa coruñesa Cova Solutions. Contará tamén coa asistencia do xestor de Innovación e Transferencia Tecnolóxica do CITIC –Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións–, Manuel Bustabad, e a xestora de I+D no CiTIUS –Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información–, María Tenorio.
A misión comercial inversa completarase nos próximos días con reunións de negocio individuais e visitas das organizacións estranxeiras ás sedes de algunhas das empresas galegas para coñecer de primeira man o seu potencial innovador e os seus procesos de produción e comercialización.
Esta acción, que conta coa colaboración do IGAPE, enmárcase na aposta do Clúster TIC Galicia pola captación de prescriptores no sector internacional e pola comercialización a nivel mundial dos produtos innovadores dixitais que se están a desenvolver na comunidade.
Sobre Cluster TIC Galicia
O Clúster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que se constituíu no 2008 co obxectivo de reunir as empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) da Comunidade Autónoma de Galicia.
Plenamente comprometido coa sociedade galega, o Clúster xera sinerxías para favorecer o cambio de modelo produtivo de cara a unha economía baseada na innovación e na produtividade, capaz de crear riqueza e emprego de calidade.