Trátase de oito entidades de Eslovenia, Chile, Honduras, Colombia, México e Nicaragua punteiras no sector das telecomunicacións, dos medios audiovisuais, da investigación médica e da formación internacional
Nos vindeiros días manteranse xuntanzas bilaterais de negocio con empresas socias do Clúster para estreitar lazos comerciais
Durante o último ano Galicia exportou aos países participantes na misión comercial por un valor de 568 millóns de euros
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2019.- Oito entidades de Eslovenia, Chile, Honduras, Colombia, México e Nicaragua, punteiras no sector das telecomunicacións, dos medios audiovisuais, da investigación médica e da formación internacional regrada manterán durante os próximos días diversos encontros de negocio con empresas tecnolóxicas galegas, no marco dunha misión comercial inversa organizada polo Clúster TIC.
A acción, que se estenderá ata o 24 deste mes, ten como obxectivo estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización dos produtos e servizos das entidades socias do Clúster TIC, reforzando así os distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos. Os países participantes nesta visita comercial xeraron, no ano 2018, un volume de exportacións para as empresas galegas de 568 millóns de euros, segundo datos do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Concretamente, na misión comercial participarán, provintes de Eslovenia, Andrej Korošec, Director de Proyectos da Public University of Ptuj (LUP), especializada en programas formativos e proxectos internacionais, e Nastja Glušič, experta en asesoramento IPS (Individual Placement and Support) para grupos marxinais e formadora nesta metodoloxía.
Dende Colombia, acudirá Gustavo Adolfo Pinzón, xerente xeral en GCOMTV, adicada á telecomunicación vía satélite e que ofrece servicios de retransmisión de eventos para diferentes canles de televisión ou organizacións.
En representación de México participarán nesta misión comercial inversa Rafael Orozco, director de Marketing, Entendimiento del Cliente e Inteligencia no Laboratorio Médico del Chopo, e Jesús Pérez, líder de Canal Digital en Radiología e Imagenología Especializada. Ambos destacados no sector da investigación médica e con interese en novas tecnoloxías de apoio ao diagnóstico médico.
O Clúster TIC reunirase tamén con representantes dalgunhas das canles de televisión máis destacadas de Honduras (Canal 11), Nicaragua (TN8) e Chile (CNC Medios).
Os convidados manterán reunións de negocio individuais ata o día 24 de maio coas empresas socias do Clúster TIC e visitarán as sedes de Egatel, Redegal, Cinfo, Inditex, Tesla Technologies, Trison Headquarters e CRTVG, entre outras, para coñecer de primeira man o seu potencial innovador e os seus procesos de produción e comercialización coa fin de estreitar lazos comerciais e detectar oportunidades de negocio.
A acción conta coa colaboración do IGAPE a través do programa Galicia Exporta desenvolto pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e enmárcase na aposta do Clúster TIC Galicia pola captación de prescriptores no sector internacional e pola comercialización a nivel mundial dos produtos innovadores dixitais que se están a desenvolver na comunidade.
Sobre Clúster TIC Galicia
O Clúster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que se constituíu no 2008 co obxectivo de reunir as empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) da Comunidade Autónoma de Galicia.
Plenamente comprometido coa sociedade galega, o Clúster xera sinerxías para favorecer o cambio de modelo produtivo de cara a unha economía baseada na innovación e na produtividade, capaz de crear riqueza e emprego de calidade.
Saúdos.
Gabinete de prensa
Pé de foto: No centro o presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, acompañados dos asistentes á primeira xornada da misióm comercial inversa.