O curso conta con docentes de alto prestixio que traballan como asociados na Universidade de Oxford, o ICAI, o CSIC e en empresas como Kipu Quantum
Está incluído no programa formativo da entidade para este ano co obxectivo de acelerar esta nova área tecnolóxica no tecido empresarial TIC galego
Esta formación está promovida en colaboración con Quanvia e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022. O Clúster TIC Galicia está a formar a 23 directivos galegos en computación cuántica a través dunha formación estratéxica para executivos, promovida en colaboración con Quanvia e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta.
O programa, que se está a levar a cabo con carácter online durante este mes de outubro, ten como obxectivo principal impulsar e acelerar a computación cuántica no tecido empresarial TIC galego, tendo en conta a proxección e aplicación futura desta nova tecnoloxía para a resolución de problemas computacionais inviables para os supercomputadores actuais. Isto permitirá multiplicar o rendemento das empresas participantes, conseguindo vantaxes competitivas simultáneas de diferenciación e custos.
Para acadar este propósito, o alumnado, entre os que figuran profesionais de empresas socias do Clúster TIC Galicia, como Altia, Bahía Software, o CESGA, cinfo, o CPEIG, Dous Espazos, Egatel, NTT Data Spain ou Wireless Galicia, está a profundar no coñecemento dos diferentes tipos de computación cuántica e a súa aplicación na empresa. Desta forma, os participantes poderán coñecer o potencial innovador e disruptivo desta nova tecnoloxía e implementalo, identificando o seu valor, riscos e oportunidades.
O curso combina a formación estratéxica con actividades learning by doing, nas que se usan ferramentas específicas en plataformas de computación cuántica para crear e entender modelos de predición sen a complexidade de programalos.
As materias impartidas, permitiranlles coñecer o seu interese exponencial en combinación coa Intelixencia Artificial (IA), o Big Data e a Internet das Cousas (IoT), entre outras tecnoloxías; o seu nexo coa IA na cadea de valor e as áreas funcionais da empresa; a Automatización de Procesos Robotizados (RPA); as plataformas dispoñibles de Servizo de Computación Cuántica (PasS) nos negocios; abordar exemplos de aplicación desta tecnoloxía en industrias clave; ou saber que consideracións éticas ten a IA na empresa.
Dirixido por Enrique Solano, catedrático de Computación Cuántica e cofundador de Kipu Quantum e Quanvia, ten unha duración de 30 horas e conta, ademais, con docentes de alto prestixio como o profesor asociado da Universidade de Oxford, Manuel Martí; José Rigol, da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ICAI), da Universidade Pontificia Comillas; Gabriel Jaumá, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); Daniel Volz, CEO de Kipu Quantum; e Jesús Domínguez, cofundador de Quanvia.
Compromiso coa formación
Este curso forma parte do plan formativo do Clúster TIC Galicia para este ano, que puxo en marcha o pasado mes de maio e que concluirá en novembro con preto de 300 accións formativas e máis de 4.000 alumnos. Enmárcase no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, os fondos Next Generation da Unión Europea e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Deste xeito, o Clúster TIC Galicia vén de reafirmar o seu compromiso coa formación no entorno laboral como elemento clave para a adaptación e mellora da competitividade de empresas e as competencias de traballadores e desempregados galegos en sectores estratéxicos e nunha contorna globalizada en pleno proceso de transformación.
NOTA DE PRENSA FOTOGRAFÍA